sábado, 22 de outubro de 2022

PRESENTACIÓN DO PDI: " A VOLTA AO MUNDO NAS NOSAS 23 NACIONALIDADES"

 Ola amiguiñas e amiguiños:

Se algo caracteriza á nosa escola é unha fermosa DIVERSIDADE. Temos nenas e nenos de moitos países, familias que chegan dende outros lugares do planeta , e por suposto temos que coñecer esas nacións . Para iso , Maruxa púxose mans á obra e organizou un PDI para levar a cabo entre todo o colexio: " A VOLTA AO MUNDO NAS NOSAS 23 NACIONALIDADES"

Así que como ben sendo habitual deixou unha sorpresa na biblioteca:

- Unha caixiña para todas as aulas. 

Que habería dentro das caixas? Pois unha carta dela encomendándolle aos maiores de sexto que difundiran o proxecto polas demáis aulas e unha bóla do mundo, o mundo que imos percorrer.

Velaquí están as mostras do agasallo de Maruxa.



E mirade para algúns dos maiores do cole que felices foron ás aulas dos máis cativos e cativas presentar  o proxecto:


Aquí vos deixamos o recanto da nosa biblioteca onde se atopan libros relacionados co PDI que a nosa bruxa creou para que poidades consultar e facer os vosos traballos.



E xa para rematar, un vídeo de Maruxa sobre o noso proxecto.


NÓS E O MUNDO de bibliomaruxa

AGORA TOCA VIAXAR!!!

FORMACIÓN DE USUARIOS

 Ola amiguiñas e amiguiños:

Como ben sabedes, Maruxa xa está de volta para lanzarnos entre todas e todos a difrutar de novas aventuras. Para iso, o mes de outubro adicámolo a formar ás nosas nenas e nenos como usuarias e usuarios da biblio. Deixamos este video para que poidades ver en que consistiron estas actividades.

Un bruxibiquiño,

Maruxa

Vídeo Fondo de vídeo Doodle Scribble Azul y amarillo de bibliomaruxa

xoves, 6 de outubro de 2022

MARUXA ESTÁ DE VOLTA!

        Xa están os cativos do cole recibindo os agasallos de Maruxa! Con razón levaba caladiña tanto tempo! Na bolsiña de agasallo dos peques de Infantil, 1º e 2º de Primaria hai unha invitación para ir á biblioteca xunto a un contiño e unhas imaxes para identificar e xogar!  Os máis maiores recibiron unha invitación e un libro que van ler na clase entre todos e todas ! Que nervios! A vindeira semana iremos visitala!







mércores, 7 de setembro de 2022

BENVIDAS E BENVIDOS A UN NOVO CURSO

 


Ola amiguiñas e amiguiños! 
De seguro que sentides unhas bolboretiñas nos vosos adentros porque mañá é un día moi sinalado, o día no que volvemos ao colexio. Voltaredes ver aos vosos amigos e ás vosas amigas, voltaredes ver os vosos profes, os vosos recunchos favoritos no patio...unha morea de cousas bonitas que ten a volta ao colexio. 
Aínda que non me veredes polo momento, non pensedes que aínda estou de vacacións, non! Estou argallando novas actividades para divertirnos xuntiños e xuntiñas.
Pronto saberedes cales.
Un bruxibiquiño, 
Maruxa



luns, 6 de xuño de 2022

RECOMENDACIÓNS PARA O VERÁN

 Ola amiguiños e amiguiñas:

Este curso que está por rematar vivimos unha manchea de emocións todos e todas xuntiños e xuntiñas: abrimos unha nova biblioteca, fixemos desafíos, traballamos os contos, a poesía, convertímonos en booktubers... tanto tanto que non alcanzo a lembrarme de todo. 

Agora toca tomar un descanso, ben merecido para  todas e todos, coller folgos para seguir con novas aventuras o curso que vén, e que mellor que deitarnos ao sol e seguir viaxando da man dos libros?

Non quero despedirme de vós sen antes recomendarvos uns libros ben fermosos para poder ler na praia, á sombra dunha árbore...son tantos os sitios aos que podemos levar as nosas lecturas! Estou segura que vos encantarán!



O que a Maruxa lle encanta é explicarvos as  súas recomendacións e tamén levalas polas aula para que poidades velas, tocalas e mesmo se fai falla ulilas!


Vémonos en setembro para seguir traballando e ilusionándonos xuntos e xuntas

Un bruxibiquiño ,

Maruxa





venres, 3 de xuño de 2022

MEMORIA DO PROXECTO UN ANO DE CONTOS

 O CURSO VAI CHEGANDO AO SEU FIN. UN CURSO NO QUE DENDE XANEIRO SE TRABALLARON OS CONTOS A TRAVÉS DO PROXECTO: UN ANO DE CONTOS.

É HORA DE FACER MEMORIA E LEMBRAR OS TRABALLOS FEITOS NAS AULAS. PODEDES DISFRUTAR DAS CREACIÓNS DOS CATIVOS E CATIVAS NESTAS MEMORIAS GRÁFICAS.


martes, 31 de maio de 2022

CONTOS EN FAMILIA

Ola amiguiños e amiguiñas:

Este mes de maio a nosa Maruxa, que é moi aguda, mandou un abalar ás familias convidándoas a vir a biblioteca contar uns contos dentro do proxecto UN ANO DE CONTOS.

Así que os cativos e cativas puideron disfrutar dunha sesión de contos ben diferente: Esta vez non eran nin os compañeiros e compañeiras de sexto nin tampouco as mestras que axudan a Maruxa....eran as nosas familias que viñan pasar un anaquiño ben doce á nosa biblio.

Maruxa quedou fascinada do moito que vos gustou a experiencia e está segura de que o vindeiro curso algunha máis argallaremos da man das familias.

Aquí vos deixamos a mostra do ben que o pasamos:

 

CONTOS EN FAMILIA de bibliomaruxa