sábado, 15 de maio de 2021

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

          Este ano o Día das Letras Galegas está adicado a Xela Arias nacida en Sarria en 1962. A homenaxeada foi escritora, poeta e tradutora en varios idiomas ademais de editora e profesora de galego. 

           Antes de iniciar a súa vida universitaria xa traballou en Edicións Xerais de Galicia (1979); comezou traballando primeiro de oficinista para logo realizar traballos de creación e investigación e como correctora de estilo e editora.  Estudiou Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo e licenciouse pola Universidade de Santiago de Compostela iniciando a especialidade en galego-portugués.

          Dende nena xa escribía, de feito en 1973 gaña o 1º premio do VI Concurso de Contos Infantís "O Facho" co conto titulado "A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia". Ao longo da súa vida publicou en xornais e revistas pero é en 1986 cando publica "Denuncia do equilibrio", poemario innovador e chegou a ser finalista do Premio Losada Diéguez. Tamén podemos destacar outras obras como "Tigres coma cabalos" (1990), "Palabras de muller" (1992), "Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas"(1997),  ou "Darío a diario" (1996) adicado ao seu fillo e onde ofrece unha reflexión da súa experiencia como nai.  O seu último poemario "Intempériome", foi editado o mesmo ano da súa morte por Miguel Anxo Fernán Vello.

           Ademais da súa faceta poética tamén traduciu ao galego as obras de moitos autores como Jorge Amado, James Joyce, Camilo Castelo Branco, Wenceslao Fernández Flórez, Gianni Rodari, Miguel de Cervantes, Bram Stoker, Roald Dahl entre outros.

           


Preme na imaxe para ir a xogos e vídeos sobre Xela Arias elaborados polo Seminario Galán.

(Información e imaxe sacada do Seminario Galán)

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.